sábado, 21 de marzo de 2026

COMENTANDO CINZA CO NOSO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!

O pasado mércores 18 tivemos a nosa xuntanza co alumnado do Bacharelato do club de Novela Gráfica. Limos a versión gráfica da novela do ferrolán Xavier Alcalá A nosa cinza, feita polo ilustrador Manoel Cráneo, e que leva por título Cinza


O alumnado amosou o seu interese por lembrar o pasado da nosa cidade. Comentamos moitas diferencias entre a educación, os costumes, a arquitectura do Ferrol do século pasado e os da actualidade.


Contamos con facer un roteiro literario que pescude na impronta desta historia autobiográfica.


Vémonos na vindeira xuntanza que xa será a última deste curso!



xoves, 19 de marzo de 2026

O CLUB DE DEBATE NO PARLAMENTO XOVE

Boas, rapazada!

Despois dun arduo traballo, na derradeira fin de semana de febreiro e na primeira de marzo, os equipos de debate do Sofía Casanova acudimos á liga de debate Parlamento Xove e a experiencia non puido ser máis enriquecedora.

Chegamos o venres pola tarde á Residencia de Tempo Libre do Carballiño, onde, tras acomodarnos nos nosos cuartos, sortearon os horarios e os rivais aos que nos enfrontariamos o sábado.


Afrontar o tema deste ano, “A dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe?”, non foi unha tarefa sinxela. Tivemos que buscar e contrastar datos, filtrar a información e convertila en argumentacións de peso para defender as nosas teses.


O crecemento entre o primeiro debate e o último dos dous equipos foi espectacular e a nosa vitoria estivo en cada palabra dita e en cada medo superado. Os nosos oradores e oradoras demostraron nas súas intervencións que no centro temos unha nova xeración de pensadores críticos que non se renden ante as dificultades.


Queremos dar os parabéns, por unha banda, a Antón Corral, María Franch, Martín Arzúa e Myriam Varela (4.º de ESO) e, por outra, a Yunaisi Lissett, Hugo Gacio, Noa González e Isabel Alsina (1.º de Bacharelato), pola súa implicación e pola súa incrible solvencia ante os equipos rivais. Podedes ver os debates gravados en: https://xuventude.xunta.gal/es/programas-c/parlamento-joven-c

Elas e eles xa están pensando na estratexia para o ano que vén! 

E vós? Animádesvos a unirvos ao Club de Debate? 

Seica vai haber unha liga interna no centro… Estade atentas!


martes, 17 de marzo de 2026

OBRADOIRO DE REGUEIFAS NA NOSA BIBLIO

Ola, rapazada!

O pasado xoves 12 de marzo realizamos no centro un obradoiro de regueifa co alumnado de primeiro da ESO da man de Lupe Blanco, unha das voces imprescindibles na expansión actual desta arte tan nosa.

Como sabedes, unha regueifa é un desafío oral improvisado en verso cunha orixe que, debido ao dito carácter oral, se perde na noite dos tempos. Secasí, o nome desta tradición procede do bolo de pan, que se agasallaba nas vodas campesiñas, no canto da típica torta nupcial de cinco pisos. Deste xeito, a forma de comprobar quen das persoas convidadas ao banquete repartía tal molete decidíase seleccionando aquela que fixese gala do maior enxeño ou retranca ao retarse dialecticamente. 


Neste caso, non había ningún doce alén da voz de Lupe Blanco, quen comezou a regueifa, amosando a súa mordacidade. Con esa primeira intervención, meteu ao alumnado no peto. Despois disto, achegou a mecánica para elaborar as composicións, a saber: cuartetas octosilábicas de rima ben asonante ben consonante cunha distribución 8- 8a 8- 8a, normalmente, e a capela. A continuación, foi a quenda do estudantado, o cal, por equipos, tivo que compor un par de estrofas. Finalmente, cada grupo interpretou cadansúas obras e Lupe deu a despedida cantando, como non podía ser doutra maneira. 


Agardamos que o obradoiro fose do agrado de todas e todos vós, e que vos animedes a participar o vindeiro curso, de ser o caso, co adaxo de seguir conservando as nosas tradicións!

martes, 10 de marzo de 2026

LENDO AS BRUXAS NO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola, rapazada! 

O pasado luns 9 de marzo tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de primeiro de ESO no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro As bruxas (1983) de Roald Dahl. 


Esta obra narra a historia dun neno que vive coa súa avoa e que aprende, grazas a ela, todo o que hai que saber sobre as bruxas de verdade. Segundo lle explica, estas non levan sombreiro picudo nin montan en vasoira como nos contos: parecen mulleres completamente normais, pero odian os nenos e fan todo o posible por desfacerse deles! Cando o protagonista e mais a súa avoa chegan a un hotel en Inglaterra para pasar uns días de vacacións, descobren, por casualidade, que alí se está a celebrar unha reunión secreta de bruxas de todo o país, dirixidas pola terrible Gran Bruxa Suprema. A partir deste momento, o rapaz terá que enfrontarse a un plan moi perigoso, que pretende eliminar a todos os nenos do mundo. 


O alumnado asistente destacou, sobre todo, o ton divertido e, ao mesmo tempo, desacougante da historia, así como a imaxinación do autor á hora de describir as bruxas e os seus plans. Tamén, chamou a atención a valentía do protagonista, quen non dubida en loitar contra o mal con intelixencia e sentido do humor, e o final, onde se destacou a idea da morte mais sen dramatismo excesivo.


Sen dúbida, unha novela máis que recomendable se che gustan as historias cheas de aventuras, algo de medo e moita fantasía. As bruxas é un libro que se le axiña e que demostra que, ás veces, mesmo as persoas máis pequenas poden enfrontarse aos perigos máis grandes. 

Vémonos na vindeira xuntanza do club de lectura!


luns, 9 de marzo de 2026

XUNTANZA DA SECCIÓN DE 3º E 4º DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!


O pasado mércores xuntámonos os compoñentes da sección de medianos do Club de Novela Gráfica. Aínda que algúns tiveron que faltar por outros compomisos, a sesión foi moi entretida. Comentamos a novela Harley Quinn. Cristales rotos de Mariko Tamaki con debuxos de Steve Pugh.


Antón e Miguel aportaron moitas suxestión tanto acerca da nova visión acerca do personaxe de Harley, como dos temas que trata: a loita contra a gentrificación, a presencia dunha nova familia para a rapaza composta por mama e outras drags queen

Gozamos moito con esta excéntrica Harley que, antes de aliarse co Joker, prefire loitar con Ivy para mellorar as condicións de vida da cidade de Gotham.



martes, 3 de marzo de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA. LENDO "LA FANTASMA DE LA CASA DEL TÉ"

Ola rapazada!

A semana pasada tivemos unha moi animada xuntanza da sección de pequenos do Club de Novela Gráfica. Limos a novela gráfica El fantasma de la casa del té de Reimena Yee, unha ilustradora natural de Kuala Lumpur. En xeral, gustou máis a estes rapaces que aos de bacharelato que a consideraron un pouquiño infantil. Para nós, trátase dunha historia para calqueira idade, un verdadeiro canto ao carpe diem

A novela, dentro dun contexto un pouco misterioso, cóntanos a historia de Lora, una rapaza que non desexa medrar como un Peter Pan moderno e se aferra a amizade coa fantasma Alexa. 


Tanto Irene como Dani axudáronos a reflexionar sobre a necesidade de aproveitar cada momento da nosa vida, aceptando os cambios, que non ocorren solo na adolescencia. 

Vémonos na vindeira sesión!