Amosando publicacións coa etiqueta Antía Yáñez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antía Yáñez. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de xuño de 2026

O ALUMNADO DE 2º ESO CONVERSA CON ANTÍA YÁÑEZ SOBRE "O MISTERIO DE PORTOMARÍN"

 O día 18 de xuño, o alumnado de 2º ESO tivo a oportunidade de participar nunha charla coa escritora Antía Yáñez sobre a súa novela O misterio de Portomarín.


Durante a conversa, a autora compartiu a súa experiencia e explicou o labor de documentación realizado para ambientar a historia en Portomarín. Tamén destacou a importancia da lectura e da escritura como ferramentas para desenvolver a imaxinación e a creatividade.


A continuación, o alumnado participou activamente formulando preguntas sobre a novela, os seus personaxes e o traballo dunha escritora. As respostas da autora permitiron descubrir curiosidades sobre a obra e comprender mellor os desafíos e satisfaccións que supón a creación literaria.



martes, 6 de xaneiro de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Boas, rapazada!

Esperamos que esteades a pasar un Nadal estupendo e comezásedes con ilusión o novo ano. Desexámosvos o mellor para 2026.

Desculpade polo atraso, pero publicamos agora a recensión dos últimos encontros antes das vacacións. O luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro e segundo curso da ESO leu O misterio de Portomarín, primeira novela de Antía Yáñez e publicada en 2016. 


Nesta obra, a autora achega a historia de catro irmáns que pensan que o verán vai ser igual de monótono e gris que todos os anos. Secasí, por unha serie de casualidades, convértense no equipo idóneo par investigar un misterio que a xente coidaba esquecido, a saber: os segredos que, durante séculos, gardou a vila que descansa debaixo das augas do encoro e que agora saen á luz. 


O estudantado compartiu opinións moi positivas a respecto do libro, destacando a súa simpatía pola figura do cadelo, os xiros dramáticos do relato, os cales lle causaron unha fonda sorpresa, e os misterios que agocha o noso país, terra marcada polo sobrenatural, polo lendario e pola maxia.


Sen dúbida, unha lectura máis que recomendable se es unha persoa afeccionada á intriga, á aventura ao más puro estilo de Los Cinco de Enyd Blyton e, ao pasado das nosas vilas. 


xoves, 1 de maio de 2025

ENCONTRO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ

Ola rapazada!

O pasado venres día 25 por fin tivemos o adiado encontro literario coa escritora Antía Yáñez. Asistiron os membros do Club de Narrativa Xuvenil de 3º ESO (Sofía, Pablo, Marcos, Brais, Esther e Antón), que leron dous libros da autora: O misterio de Portomarín e O misterio do torque de Burela; os rapaces do Club de Narrativa Xuvenil de 1º BAC (Hugo, Laura Galfout, Clara, Laura Pernas e Erika) así como os alumnos de Literatura Galega do Século XX (Thién, Antón, Pablo, Laura Canosa, Helena, Sofía, Carlos e Lola), que leron todos Senlleiras. Acompañaron aos rapaces as profes Lucía, Raquel e Montse que tamén leran textos un pouco máis adultos como Non penses nun elefante rosa.


Foi un estímulo máis para celebrar o Día do Libro. O tempo quedou un pouco cortiño para a conversa coa autora que contestou as preguntas dos rapaces entre elas, contounos que as novelas están ambientadas en Burela por ser a súa terra, e Portomarín, porque é a dos seus avós.
Tamén nos escribiu varias dedicatorias dos seus libros para a nosa biblioteca.


Estade atentos porque de aquí ao final do curso esperamos máis encontros literarios no noso instituto!



domingo, 30 de marzo de 2025

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapaces e rapazas!

O pasado venres tivemos a sesión aprazada do Club de Narrativa Xuvenil. Leramos O misterio de Portomarín cos rapaces de 1º a 3º da ESO. 


Estamos a preparar a visita da autora, a escritora Antía Yáñez que esperamos en breve. Ao finalizar esta novela comezamos a lectura da súa continuación O misterio do torque de Burela.



Da gusto oirvos falar de libros e de misterio!