martes, 21 de abril de 2026

A MOCIDADE COA LINGUA

Ola, rapazada!

O pasado venres, 10 de abril, o alumnado da ESO asistiu á XXXIII edición do festival A mocidade coa lingua, celebrado no Auditorio de Ferrol.

Como sabedes, trátase dun espectáculo no que participan as bandas musicais dos centros educativos de ensino secundario tanto da cidade de Ferrol como da contorna. Os ditos grupos elaboran dous temas: un de autoría propia e mais outro que consiste na adaptación dun poema dun/dunha autor/a galego/a. Deste xeito, o encontro ten por obxectivo a sensibilización da mocidade no referido á importancia de manter a nosa lingua como vehículo de expresións cultural, así como fomentar e promover a súa presenza e o seu uso. 

Tras a magnífica presentación da compañeira Sabela Varela (3ºD) e do compañeiro Antón Corral (4ºC), e das intervencións da Concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons, e do representante da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrol, Santiago Varela, comezou a música. O primeiro grupo en pisar o escenario foi Os petiscos do IES Carvalho Calero, seguido por Arredemo do IES de Fene. 


A continuación, chegou a quenda do Son do Sofía e amigos, que interpretou o tema orixinal Anímate, amais do poema musicado Unha illa louvada do noso benquerido Álvaro Cunqueiro. Tras del, actuaron Badulaque do IES Concepción Arenal, BandAtios do CPI de Atios e Eco do IES Fernando Esquío. 

O punto final púxoo a banda compostelá de rock alternativo Ulex, que nos achegou cancións en lingua galega sobre temáticas propiamente adolescentes entre as que destacan: Déixame ou quéreme, Nunca máis ou Lonxe de min, que dá nome ao seu último disco. 


Agardamos que o festival fose do agrado todos/as vós, e que vos animedes a asistir o vindeiro curso co adaxo de seguir apoiando a música e a lingua galega!

xoves, 9 de abril de 2026

XUNTANZA DA SECCIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA. COMENTANDO LIGTHFALL I

Ola rapazada!

Onte celebramos a primeira xuntanza do Club de Novela Gráfica logo das vacacións de Semana Santa. Reunímonos a sección de peques, con algunha incorporación como a de Misha e Mariangel, para comentar Lightfall I, La última llama, primeira parte dunha saga escrita por Tim Probert e que temos tamén na nosa biblio.


Logo de ter lido opcións un pouco máis serias e que tratan temas comprometidos, Patricia propuxo un libro de evasión e fantasía para estas vacacións.

Nesta historia Bea e o seu avó, o Porco Meigo, gardan a Chama Eterna nos bosques do planeta Ispa. Pero a aventura comeza cando desaparece o avó deixando unha nota misteriosa. Bea e o seu amigo Cad, que busca aos galdurianos, unha raza que crían extinta, teñen que atopar ao avó e deben enfrentar os perigos da oscuridade. 


Aínda que houbo opinións para todos os gustos sobre esta novela, estamos moi satisfeitos do crecemento do club. Aportade novas ideas para renovar os nosos fondos! 



martes, 7 de abril de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL. "A PRAIA DOS AFOGADOS"

Ola, rapazada!

O pasado luns 23 de marzo tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de primeiro de Bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro A praia dos afogados (2009) de Domingo Villar.


Esta novela lévanos ata a costa de Vigo, onde aparece o corpo dun mariñeiro. Así, o inspector Leo Caldas xunto ao seu axudante, Rafael Estévez, é o encargado de investigar o caso. A través das súas pesquisas, saen á luz segredos agochados entre os vilegos. Amais, as relacións persoais, así como o pasado dos implicados complican o asunto. Deste xeito, o que nun primeiro momento semella un suicidio convértese devagar nunha complexa rede de silencios e mentiras, pois, cada personaxe oculta algo. 


O alumnado asistente destacou o xeito no que o autor constrúe a intriga, malia as abundantes descricións que diminúen o ritmo, mantendo a tensión ao longo de toda a obra. Así mesmo, incidiu na ambientación tan realista da Galicia mariñeira, en cuxas vilas todos saben todo, pero ninguén conta nada, ademais do elemento sobrenatural, sempre presente na nosa cultura popular. Con relación a isto, o estudantado sinalou, finalmente, o vínculo existente entre o título e os personaxes da obra, insinuando que os «afogados» son en realidade aqueles atormentados pola culpa, pola vinganza e pola dor. 

Sen dúbida, unha novela moi recomendable se che gustan as historias policiais con ritmo pausado, mais cheas de misterio, nas que cada detalle conta e nada é o que parece. Prepárate para mergullarte nunha investigación chea de sombras e segredos!

Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra Anagnórise (1988) de María Victoria Moreno.