mércores, 9 de outubro de 2013

A NOSA PRIMEIRA XUNTANZA

Ola rapaces!
Onte pareceume que vides con forza. Quero darvos a benvida a todos nesta nova andaina do noso Club. Principalmente aos de 1º de ESO (Tomás, Ángel, Jorge, Samuel, María, Rodrigo, Antón), pero tamén aos de 2º (Inés, Roberto), 3º (Myriam, Laura, Diego, Daniela), 4º (Mariana, Cecilia, Belén, Candela, Alicia, Alex), 5º (Aurora, Lucía, Aída, Samuel) e 6º (Luis, Álvaro, Carolina, Claudia). Tamén desexo pronta recuperación aos nosos enfermos (Lucía, Candela, Antía, Amanda) e quero despedir con agarimo a aqueles que, logo de seguirnos tres anos, poñen punto e final (polo de agora) á súa participación polos seus ineludibles compromisos co chelo (Andrea), cos estudios en xeral (Elisa, Andrea, Silvia, Irene, María...) e a outros que de seguro me esquezo.
Pero, como non quero poñerme sentimental, paso a relatar a crónica de onte, que, por certo, estivo chea de ledicia. Comimos moi ben. Grazas a Roberto, as mesas estiveron puntuamente preparadas. Grazas a Samuel, Aída e Diego, as pizzas chegaron quentiñas e a tempo. Baratas e variadas. Que máis se pode pedir? 



A sesión foi un pouco atípica, como corresponde a unha sesión inaugural. Por fin desvelouse o segredo fortemente gardado da nosa primeira lectura. Vai ser O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, quen, por certo, virá a falarnos deste libro en exclusiva para nós. Que de que vai esta historia? Pois soamente podo adiantar que trata do último serán da vida de Vincent Van Gogh, o atormentado e gran pintor impresionista. E coñecemos esta historia da man dun rapaz de dezaséis anos, cos seus propios problemas e o seu primeiro amor, pero que sentimos veciño a nós.
Tamén se adiantaron outras lecturas (sempre provisionais), concretamos os respectivos moderadores. Falamos de moitos libros de doutros plans. 



Entre eles quero aproveitar para salientar unha importante novidade. Xa temos data para o comezo da nova sección do noso Club. Aquela que vai adicada especialmente aos adultos: pais, nais, avós, avoas, exalumnos, profes, profes xubilados, personal non docente, etc. É dicir, todos aqueles vencellados ao noso instituto e amantes da lectura. Tedes unha cita o vindeiro martes 29 de outubro as 18,15.



Por hoxe, máis nada. Agardamos pola sesión fotográfica a cargo de Daniel, coma sempre.
Apertas e feliz curso para todos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario