sábado, 4 de xaneiro de 2020

CENTENARIO DE GALDÓS

Ola rapaces!
O día 4 de xaneiro de 1920 faleceu en Madrid don Benito Pérez Galdós. Este ano que iniciamos, por tanto, celebramos o centenario do seu pasamento. 2020 será o ano Galdós. Será lóxico e saudable que no noso blog o lembremos como merece. Propoñemos ir colgando algunhas entradas sobre o gran novelista canario no que recomendaremos algúns dos seus textos. E tamén que dende a biblioteca e o Departamento de Lingua Castelá e Literatura queremos adicarlle atención. De xeito que a súa vida, longa e laboriosa, e a súa obra (novelas, Episodios Nacionales, teatro...) remate por ser un pouco máis coñecida para a comunidade escolar.


Polo de pronto, non podemos senón comezar recomendando a visita dunha magnífica exposición que a Biblioteca Nacional, Acción Cultural Española e o Gobierno de Canarias, organiza sobre don Benito.

Co título de "La verdad humana", dita exposición fai un percorrido xeral sobre algúns dos aspectos máis salientables da súa biografía. A súa infancia e adolescencia en Canarias, a súa chegada a Madrid, as súas viaxes por Europa, o seu contacto co periodismo, Galdós e a política, Galdós e Santander, Galdós e as relacións amorosas, Galdós e o Nobel, Galdós e o teatro... 


Para rematar, na exposición coméntase tamén a fecunda pegada que deixa o noso escritor na novelística contemporánea e no cine. Varios escritores actuais (Andrés Trapiello, Almudena Grandes, Care Santos, Elvira Lindo..) graban uns vídeos que se poden escoitar sobre a súa recoñecida influencia nas súas respectivas obras.

É esta a perfecta ocasión para ver un nutrido grupo de cadros, (algúns do propio escritor), debuxos, fotografías, primeiras edicións, manuscritos, etc que dificilmente poden xuntarse.

Lectores do Sofía, non deixedes de achegarvos a, con permiso de Cervantes ao que tanto admiraba, o grande novelista da nosa lingua!



Ningún comentario:

Publicar un comentario