martes, 22 de decembro de 2020

BO NADAL DO VOLUNTARIADO DA BIBLIOTECA

Ola rapaces!

Antes de despedir este ano 2020, que todos estamos desexando esquecer, queremos deixar no blog un vídeo que fixemos para felicitar o Nadal aos nosos amigos da residencia Domus Vi de Ferrol. 
Desde hai tres anos estamos a desenvolver un proxecto de voluntariado da biblioteca no que compartimos lecturas e actividades cos avós do centro. Atesouramos lembranzas marabillosas que sempre nos sacan un sorriso cando falamos co alumnado que xa marchou e que están na universidade. Todos din que levaron esta experiencia como unha das más significativas da súa aprendizaxe con nós. Seguimos a presumir co alumnado novo de esas reunións, e do equipo de persoas tan xenerosas e comprometidas que as fixo posible. Todos somos conscientes que esas horas que estivemos na compaña dos maiores compartindo con eles, lectura, charla e manualidades, supuxeron para nós grandes leccións de vida. Gardamos no corazón a súa gratitude os seus ollos que se abrían coa ilusión de recibir a visita duns amigos. Ese afecto que intercambiaban mozos e avós é unha linguaxe universal que transcende toda comunicación na que non se precisaban casi  palabras. Por ese motivo queremos darlles as grazas por ternos recibido con tanto agarimo. 
Sendo conscientes do duro que está a ser para eles este illamento por causa da pandemia, quixemos deixarlles os nosos bicos e apertas, eses que non lles podemos dar fisicamente pero que son o único agasallo que todos agardamos poder dar e recibir o antes posible.
Bo Nadal!

Ningún comentario:

Publicar un comentario