domingo, 3 de outubro de 2021

ÁNGELES ALVARIÑO, CIENTÍFICA DA NOSA CIDADE

 

Ola compañeir@s!

Queremos darvos a benvida a este novo curso e ir contando polo miúdo as actividades e propostas que estamos a preparar para as que necesitaremos a  vosa colaboración e participación como cada ano. Debullaremos estes proxectos  noutras entradas.

Hoxe 3 de outubro, queremos facer memoria do nacemento dunha científica galega do máis alto nivel, e que ademais é da nosa cidade.

Estamos a falar de María de los Ángeles Alvariño González, (3/10/1916-29/5/2005) a gran oceanógrafa que era natural de Serantes, Ferrol. Filla dun médico e dunha profesora de piano, estudou na nosa localidade e completou o bacharelato en Santiago de Compostela, trasladándose a Madrid para facer a súa carreira de Ciencias Naturais en 1934, estudos interrompidos pola Guerra Civil que remata en 1941. Doutorouse no 1951 en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal. Neste tempo traballa como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía en Vigo. En 1953 o British Council concédelle unha bolsa no Laboratorio de Plymouth para a investigación do zooplancto, entón María Ángeles, converterase na primeira muller en subir a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Desde 1956, nos Estados Unidos, realizou investigacións do zooplancto que a levan ó descubrimento de 22 novas especies, dúas das cales levan o seu nome. Conta con centos de publicacións nas máis prestixiosas revistas científicas que a consagran coma unha figura científica internacional e unha autoridade nesta materia. A súa traxectoria está chea de recoñecementos a nivel internacional. Na nosa terra, en 1993, recibiu a Medalla de Prata de Galicia e foi a figura elixida pola Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015. O Instituto Español de Oceanografía púxolle o seu nome ó seu buque de investigacións oceánicas, que tristemente estivo de actualidade este verán, tratando de localizar os restos de dous meniños nas costas Canarias.

Neste vídeo tedes máis datos desta gran científica de Ferrol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario