mércores, 26 de outubro de 2022

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA. NOVELA GRÁFICA


Ola a todos.


De novo estou convosco. Lembrádesme? Son Socas, a mascota da biblioteca do IES Sofía Casanova, aquel trasno que se escondía entre os libros e xogaba convosco. Xa vin que este curso, coa biblioteca nova, todos estamos do trinque. Tardei en aparecer polo blogue porque tiven moito traballo axudando aos obreiros para recolocar os libros nos novos andeis. Agora estou moi emocionado polo meu novo fogar tan pintadiño de branco.
Acabamos de retomar as nosas actividades da biblio, aínda que o club de xadrez xa leva tempo con gran éxito!

Esta semana polo día 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, os rapaces realizaron unha actividade con algunhas profes de galego "O muro das recomendacións". Aínda estades a tempo de participar recomendándonos vosas lecturas favoritas.

Pero hoxe quero falarvos dunha nova iniciativa. O Club de Novela Gráfica que vai dirixir Patricia, a profe de Mates que sabe moito deste tema. Hoxe comezamos con cinco participantes (Sergio, Lucía, Asharaf, Teresa e Carla) e tres profes (Patricia, Dani e Pilar). Imos xuntar os primeiros recreos dos últimos mércores de cada mes. Primeiro presentámonos cada un. Varios de nós falamos do que entendemos por novela gráfica e cómic. E decidimos ler Persépole de Marjane Satrapi.



Ningún comentario:

Publicar un comentario