Ola, rapazada!
O pasado luns 23 de marzo tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de primeiro de Bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro A praia dos afogados (2009) de Domingo Villar.
Esta novela lévanos ata a costa de Vigo, onde aparece o corpo dun mariñeiro. Así, o inspector Leo Caldas xunto ao seu axudante, Rafael Estévez, é o encargado de investigar o caso. A través das súas pesquisas, saen á luz segredos agochados entre os vilegos. Amais, as relacións persoais, así como o pasado dos implicados complican o asunto. Deste xeito, o que nun primeiro momento semella un suicidio convértese devagar nunha complexa rede de silencios e mentiras, pois, cada personaxe oculta algo.
O alumnado asistente destacou o xeito no que o autor constrúe a intriga, malia as abundantes descricións que diminúen o ritmo, mantendo a tensión ao longo de toda a obra. Así mesmo, incidiu na ambientación tan realista da Galicia mariñeira, en cuxas vilas todos saben todo, pero ninguén conta nada, ademais do elemento sobrenatural, sempre presente na nosa cultura popular. Con relación a isto, o estudantado sinalou, finalmente, o vínculo existente entre o título e os personaxes da obra, insinuando que os «afogados» son en realidade aqueles atormentados pola culpa, pola vinganza e pola dor.
Sen dúbida, unha novela moi recomendable se che gustan as historias policiais con ritmo pausado, mais cheas de misterio, nas que cada detalle conta e nada é o que parece. Prepárate para mergullarte nunha investigación chea de sombras e segredos!
Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra Anagnórise (1988) de María Victoria Moreno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario