martes, 5 de maio de 2026

ENTREGA DE PREMIOS DO III CONCURSO DE POESÍA EN TODAS AS LINGUAS DO CENTRO

Para conmemorar o Día do Libro, fai dúas semanas, o día 24 de abril, celebramos na biblioteca do Centro a entrega de premios do nos Concurso de Poesía en todas as linguas do centro, que xa vai pola súa terceira edición. Estamos moi satisfeitos porque o concurso medra: participaron 72 alumnos cun total de 92 poemas. Tamén se deron a coñecer os gañadores do II Concurso de marcadores rosalianos, ao que adicaremos outra entrada neste blog.

Recollemos aquí os nomes dos galardonados, así como as palabras do xurado sobre cada poema.

LINGUA CASTELÁ

CATEGORÍA 1º-2º ESO: GAÑADORAS EX AEQUO:

Pola madurez que amosa a autora ao construir un poema experiencial que recorda a tradición literaria castelá iniciada por Jorge Manrique. Pola presenza de figuras poéticas como as estruturas paralelísticas e os encabalgamentos que alimentan o verso libre, e pola presenza do quebro da voz poética ao reflexionar sobre o lugar ao que van os nosos seres queridos ao deixar este mundo…

Por crear un poema claramente intimista construido mediante dous serventesios decasílabos semánticamente moi ricos, riqueza que podemos observar na presenza de imaxes da tradición literaria, como a "cárcel" e o "paxaro", ou as magníficas isotopías semánticas da "soidade" e a "frialdade" que se complementan nos feitos de "non querer falar" e "non querer voar"...

Queremos outorgar o premio de 1º e 2º de ESO en lingua castelá ex aequo a Vega Bermejo de 1º ESO D por “Hay personas que se van” e a Emma Míguez de 2º ESO A por “Timidez”.



CATEGORÍA 3º-4º ESO:

Por ser quen de construir un poema influido pola literatura experiencial e, ao mesmo tempo, pola metaliteratura. Por amosar as súas inquedanzas no futuro e espir a súa alma mediante ricas imaxes de influencia lorquiana, como “soy la amargura de un limón” ou “voy nadando entre dos aguas / y me lleva la corriente”. Pola presenza de figuras do pensamento, como as antíteses (“amargura/dulzura”), e os conceptos filosóficos, como o “determinismo”, que amosan a madurez da voz poética á vez que a súa rebeldía ante un presente que o priva de “todo lo que amaba”...

Queremos outorgar o premio de 3º e 4º de ESO en lingua castelá a Antón Corral de 4º ESO C por “Limonada, sombrillas, y reggaetón, supongo.”


CATEGORÍA BACHARELATO:

Por comezar o poema cunha captatio benevolentiae que sitúa ao lector ante o esforzo da voz poética por comenzar o día. Polo uso da 2ª persona (“no sé en qué momento creces”) que presenta o poema como unha confesión de amizade. Por amosar dun xeito sincero e desgarrado o proceso de maduración na adolescencia, simplificado con imaxes tan sinxelas como a “risa” e a “seriedade” que representan a infancia e a madurez. Pola presenza de imaxes da natureza personificada (“un árbol parecía cansarse”) e da cidade (“o autobús”) que enriquecen a experiencia dolorosa de crecer, experiencia que provoca a reacción de querer “salir corriendo”. Polo manexo fluido do verso libre, enriquecido con pausas e encabalgamentos…

Queremos outorgar o premio de Bacharelato en lingua castelá a Julieta Filgueira de 1ºA por “Hoy he llegado tarde a todo”.


LINGUA GALEGA

CATEGORÍA: 1º-2º DE ESO:

Pola delicadeza coa que transforma a natureza en emoción, pola musicalidade suave que envolve cada verso e por facer visible o invisible, convidando a sentir máis alá das palabras. 

Queremos outorgar o premio de 1º e 2º de ESO en lingua galega a Emyli Restrepo de 1º ESO D por “No silencio azul da mañá".



CATEGORÍA 3º-4º DE ESO:

Pola ousadía de reinventar un clásico, pola creatividade ao retratar con ironía a vida cotiá do alumnado e polo ritmo dinámico e a forza expresiva do poema. 

Queremos outorgar o premio de 3º e 4º de ESO en lingua galega a Mael Ceide e Martín Arzúa de 4º ESO B por "Longa mañá de pena".


CATEGORÍA BACHARELATO:

Pola fondura emocional e a honestidade do seu recordo, pola capacidade de converter unha historia persoal en algo universal e, por transmitir amor e memoria con enorme sensibilidade.

Queremos outorgar o premio de Bacharelato en lingua galega a Claudia Vérez de 1º BAC A por "A miña persoa especial".



LINGUA INGLESA:

Polo dinamismo e o sentido do ritmo dun texto que amosa a forza do deporte e as gañas de disfrutar da voz poética.

Queremos outorgar o premio en lingua inglesa a Candela Ferreira de 2º ESO A por "When I am running in the field".



LINGUA PORTUGUESA:

Pola saudade que expresa, polo sentimento de dor e amor tan paradoxal e que confunde ao eu lírico, pola crenza, no entanto, nun futuro máis feliz.

Queremos outorgar o premio en lingua portuguesa a Kauany de Castro de 1º de Bacharelato por "Talvez em outra vida".



LINGUA KAZAJA

Pola súa madurez para unha rapaza tan pequena, e porque nos traslada ata ás estepas de Casaquistán coa súa lectura.

Queremos outorgar o premio en lingua kazaja a Mariya Kobdabeyeva de 2º ESO D por "Mazar, en la fría y desolada estepa."


LINGUA ÁRABE:

Por o seu canto de alegría á primavera que afunde as súas raíces na literatura folclórica árabe, polo uso da metáfora e da comparación para identificar a chegada da primavera coa marabillosa sensación de estrear un vestido primoroso. Pola intelixente isotopía de termos tomados da natureza e das pezas de vestir. Pola súa crenza na forza e na vida da natureza neste precioso locus amoenus.

Queremos outorgar o premio en lingua árabe a Sara Lakouv por “A primavera”.


Noraboa a todos os participantes! Pronto daremos a coñecer os textos nun novo poemario.





Ningún comentario:

Publicar un comentario