Boas, rapazada!
Esperamos que esteades a pasar un Nadal estupendo e comezásedes con ilusión o novo ano. Desexámosvos o mellor para 2026.
Desculpade polo atraso, pero publicamos agora a recensión dos últimos encontros antes das vacacións. O luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro e segundo curso da ESO leu O misterio de Portomarín, primeira novela de Antía Yáñez e publicada en 2016.
Nesta obra, a autora achega a historia de catro irmáns que pensan que o verán vai ser igual de monótono e gris que todos os anos. Secasí, por unha serie de casualidades, convértense no equipo idóneo par investigar un misterio que a xente coidaba esquecido, a saber: os segredos que, durante séculos, gardou a vila que descansa debaixo das augas do encoro e que agora saen á luz.
O estudantado compartiu opinións moi positivas a respecto do libro, destacando a súa simpatía pola figura do cadelo, os xiros dramáticos do relato, os cales lle causaron unha fonda sorpresa, e os misterios que agocha o noso país, terra marcada polo sobrenatural, polo lendario e pola maxia.
Sen dúbida, unha lectura máis que recomendable se es unha persoa afeccionada á intriga, á aventura ao más puro estilo de Los Cinco de Enyd Blyton e, ao pasado das nosas vilas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario