domingo, 17 de novembro de 2013

As fotos da sesión do club de lectura:

Ola poetas:

Aquí tedes as fotos da última sesión do club de lectura, onde estivemos falando e falando, opinando e opinando acerca do libro de Marcos Calveiro O pintor do sombreiro de malvas. Daniela fixo unha presentación moi amena e amosounos o moito que lle gustou o libro. Teño entendido que a Socas tamén lle gustou, pero xa sabedes que a el góstalle máis escoitar que falar. E claro. A Laura, a nosa dire, tamén lle gustou, non só polo traballo do autor co rico léxico patrimonial galego, senón tamén pola salientable relación entre literatura e pintura que fan que M. Calveiro lograra unha pequena obra maestra. 

Por outra banda, houbo outros -xa sabedes, non hai por que nomealos tampouco, pero os seus nomes comezan por A e por D- aos que ese léxico pareceulles pretendidamente artificioso e cursi, o que facía a lectura lenta e pouco verosímil. Ainda así, eles mesmos -A... e D...- recoñecían que a estructura do libro e a riqueza de recursos e motivos da literatura faranlle, sen lugar a dúbidas, un lugar nas bibliotecas de moitos lugares. Ao mellor é por iso polo que tanto lle gustou a Socas. Non sei. Hei de falar con el disto. 

Ai, rapaces. Ás veces, din, a vida amósasenos coma unha gaiola con barrotes tan anchos e fortes que nos impiden ver máis aló do noso embigo. Vincent, ese personaxe entrañable, deixa de vivir o presente porque non ten esperanzas de futuro. O máis curioso é que el mesmo ten a solución. Solución que lle di ao innominado rapaz na páxina 153: "Non retrocedas. Cando un comeza a considerar unha cousa con sinceridade, non pode volver atrás. Se o fai, todo irá mal. As dúbidas acompañaranlle sempre e son moi malas conselleiras." Así que xa sabedes, non retocedades. Non vos engaioledes, por favor. Lembrade que só convén mirar no noso embigo durante o tempo suficiente para darse conta de se ten ou non pelusas. Unha vez limpo de restos, hai que arrincar os barrotes -e para eso están os amigos, amigos, para tirar de nós con nós- e construir unha nova senda pola que non retroceder.


Ata a próxima.

2ª sesión do club de lectura. on PhotoPeach


Non marchen, que aínda hai máis. Déixovos tamén que vexades unhas fotos da exposición que Cris e Ana montaron na entrada do instituto. Aproveitade un recreo e botádelle un ollo.


A exposición de cogomelos e literatura na entrada do instituto on PhotoPeach

martes, 12 de novembro de 2013

A NOSA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!

Pois si, comezou xa en serio a rodar o noso Club. E temos que felicitarnos de novo, porque cada día somos máis. Temos que dar a benvida á alumnos novos como Juan, Lara, Ana, Carlota e Juan de 2º de ESO, que toman o testigo de outros maiores cuxas ocupacións non lles permiten acudir tanto como quixeran.
Daniela, logo de algunhas dificultades, presentou o seu traballo, e o fixo tan ben como nos ten acostumados. En xeral, o libro de Marcos Calveiro, non acabou de convencer, aínda que houbo entusiastas defensores como a propia Daniela, Roberto ou Laura, a nosa directora. Certo é que o seu elevado vocabulario patrimonial galego é unha riqueza pero ás veces un tanto dificil de comprender. Dani aportou os seus interesantes puntos de vista sobre os personaxes e estableceu unha comparación cos da novela que lemos en Segundo de Bacharelato, Plenilunio.
Tamén aproveitamos para anunciar a nosa vindeira lectura que vai ser moi distinta. Xa que nos toca un clásico de detectives, nada menos que unha novela de Ágaha Christie, Dez negriños. Confiamos que a disfrutedes moito. E ata pronto.

domingo, 10 de novembro de 2013

SOCAS INFORMA: "ACTIVIDADES DESTA SEMANA"

Ola rapaces e rapazas!
Soamente un aviso rápido para recordar as actividades da semana que comeza mañá.

  • O martes á hora habitual teremos a nosa segunda sesión do Club de Lectura de Alumnos (que agora convén especificar). Espero vervos a todos e aos novos que sei que se van incorporar. E que teñades ganas de comentar a novela de Marcos Calveiro: O pintor do sombreiro de malvas.
  • Durante toda a semana, estade atentos ao espazo da entrada do instituto porque, coa iniciativa do Departamento de Ciencias Naturais, imos montar a tradicional Exposición de Cogumelos. Pero este curso temos sorpresas xa que dende a biblioteca imos aportar o noso toque particular, é dicir, a relación entre os fungos e a literatura. Xa veredes que hai moito que contar. Quen habita baixo os fungos? E aquí os meus irmáns gnomos teñen protagonismo. Ou comen fungos os hobbits? No País das Marabillas atopou Alicia algún fungo especial? Que persoeiros da historia morreron pola inxesta de fungos? ... E máis interrogantes que non vou desvelar antes de tempo.


Así que, disfrutade e investigade!

luns, 4 de novembro de 2013

OPINIÓN por Andrea Yáñez López

E ti que dis?
Un libro son máis que letras, máis que palabras. Cada libro ten máis historia da que por si mesmo narra. Pódeste acordar de alguén especial ao ver aquel libro que esa persoa che regalara ou che recomendara. Pódeste acordar daquel lugar que tanto che gustara onde compraches ese libro que tes no terceiro andel á dereita de todo. Podes disfrutar abrindo ese libro que volverías ler outras mil veces aínda que só sexa para sentir o pasar rápido das páxinas mentres recordas a súa historia. Que che preste o teu pai ese libro que tanto lle gustara de pequeno e que o seu olor che diga que leva vinte anos calado, e que morre de ganas de contar unha vez máis o que conteñen as súas páxinas. Un libro pode chegar a ser moi importante para algunhas persoas, credes que un e-book podería substituílo? É verdade que o e-book ten infinitas vantaxes: este pequeno obxecto pode levar no seu interior un libro ou unha biblioteca enteira, pero sempre vai pesar os mesmos 170 gramos. Un e-reader permite descargar un libro no momento sen que teñas que molestarte en comprobar en que tenda o venden. Permite axustar o tamaño da letra. Podes encontrar información de maneira rápida para aclarar as túas dúbidas. Un libro descargado é un 30% ou 50% máis barato que unha edición de peto. Un e-book é un libro electrónico que che permite transportar os libros que queiras aos lugares que queiras, cómodo de ler, con acceso a información, que reduce o consumo de papel e tinta. Cómodo, informativo e medianamente ecolóxico. Pero que esta máquina elimine ao libro, iso aínda está por ver. Isto depende de nós. Depende da moita ou pouca importancia que lle poidamos dar ao feito de ser propietarios dun libro, coas súas follas, a súa tinta, as súas historias, as súas imaxes e os recordos que un mesmo poida compartir con el. Poderán substituír as novas tecnoloxías a este tan prezado obxecto nun futuro?

Andrea Yáñez

 Andrea foi alumna do Sofía ata o ano pasado. Actualmente cursa 1º de Física na USC.

venres, 25 de outubro de 2013

RELATO DE INÉS FALCÓN

Teño o pracer de presentar aquí un relato dunha das nosas mellores alumnas escritoras -e hai moitas-. Se trata de Inés Falcón de 1º de Bacharelato C, da que noutras entradas falamos como gañadora do Concurso de Relatos Coca Cola. Aquí vai. Espero con el inaugurar unha nova sección neste blog que leve por título "Os alumnos escriben":
"Aunque es cierto eso de que las palabras se las lleva el viento, hay palabras que siempre buscan un hueco dónde vivir, un rincón en el viejo bar del que nadie puede moverlas. Se esconden entre los huecos de madera, en los cajones, en las motas de polvo de la estantería y, alguna que otra, lo deja todo para colgarse de una sonrisa. Hay palabras que ayudan, que enseñan y que construyen. Construyen mundos con palacios de cristal, corazones puros y bocas que no mienten. Mundos de esperanza. Y, si quieres vivir ahí, siempre queda alguna palabra que puede ayudarte, que puede enseñarte. Porque si hay algo que merece la pena en esta vida, es soñar. ¡Soñar! ¡Cómo me gusta esa palabra! (y no sólo porque me encante dormir). Por soñar, se puede soñar despierto, sólo tienes que dejarte caer y alzar el vuelo.
El mejor consejo que me han dado nunca es que, hagas lo que hagas, hablarán, así que lo mejor es hacer lo que realmente quieres, porque así no hablarán en vano, hablarán de tus sueños. Y aunque nunca se lo haya dicho a esa persona (y puede que se sorprenda si algún día se lee aquí), esas palabras van a quedar guardadas, ahí, en algún lugar de mi corazón. Por eso las palabras son tan bonitas. Como escribir. Inmortalizar. Describir una sonrisa, un sentimiento. Leer y releer. Volver a sentir. Transportarte. Si hay algo que las palabras hacen es enseñarte a vivir. Que para todos los males hay una solución: ¿Miedo? Para eso están los peluches, las mantas y las amigas. ¿Echas de menos? Siempre quedarán los recuerdos y las canciones. Y si te duelen otras cosas, esas que no puedes explicar, siempre te queda llorar. Con cada lágrima, una palabra. Desahogarte. Sacarlo todo fuera. Porque las palabras también curan. Curan si sabes cómo usarlas y, al igual que curan, duelen. Como un adiós. Que quién tiene poder para escribir y para hablar, también puede construir mundos de odio donde boca cerrada, entran moscas por la nariz. Y aunque ese sea el precio que hay que pagar, dicen que quien no arriesga no gana. Así que si la vida no vale nada, menos para despreciarla. Por eso hoy, entre apuntes del principio de curso y los recuerdos de un Agosto que no quieren irse tan fácilmente, escribo. Por y para mí. Porque el día que lo vea todo gris, siempre quedarán palabras que hagan salir el sol. Y lo hará solo para que yo sonría."

venres, 18 de outubro de 2013

O escritor catalán César Mallorquí gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2013.


La isla de Bowen


Ola poetas:

O escritor catalán César Mallorquí gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra La isla de Bowen.  O galardón, concedido polo Ministerio de Cultura, distingue ao mellor libro de este xénero publicado en 2012 en cualquera das lenguas oficias de España.

La isla de Bowen é, según explica o propio autor, "una recreación de la novela clásica de aventuras" inspirada na figura de Xulio Verne. A historia desenvólvese en 1920 e na mesma aparecen unhas extranas reliquias no interior dunha vella cripta medieval que levan ao profesor Ulises Zarco a embarcarse nunha aventura inimaxinable a bordo do buque Saint Michel, no que percorrerán Inglaterra, Noruega e outros países para afrontar o misterio que envolve a isla de Bowen, máis alá do Círculo Polar Ártico.

O xurado considerou que esta obra é "un canto a la aventura y un homenaje a la literatura clásica, escrita con pasión, amenidad, humor e inteligencia", e destacou a "excelente construcción" dos seus personaxes e tramas.César Mallorquí conta con outros tres Premios Edebé (por El último trabajo del señor Luna, La cruz de El Dorado e Las lágrimas de Shiva) e un Gran Angular por La catedral.

Formaron parte do xurado os premiados nas dúas últimas ediciones, Laura Gallego (2012) e María Teresa Carranza (2011), autoras ben coñecidas por todos nós.

A continuación, déixovos un enlace para ler o primeiro capítulo de La isla de Bowen. E xa sabedes, rapaces, se estades interesados en continuar lendo, propoñédeo para a súa compra na Biblioteca do intituto. Seguro que Socas xa o está lendo.


Boa lectura, poetas.

mércores, 16 de outubro de 2013

As fotos da 1ª sesión do club de lectura 2013-2014

Ola poetas:

Aquí tedes -con retraso, retraso, cronopio, cronopio- as fotos da 1ª sesión do club de lectura deste curso.

Comezamos cunha comida. Claro, estamos en Galicia e non o podemos evitar. Comida que queda reflectida nas fotos. Ao mellor conviña ir pensando en completar a dieta hipocalórica cun pouco de vexetais ou froita, non si? Porque a min se me fixo un pouco costa arriba a tarde do martes na clase. En fin, serán cousas da idade.

Disque está moi ledo Socas, por certo. Disque esto de ver caras novas na biblioteca o anima e o alimenta. Meu pobre. E é que Socas -non llo digades a ninguén- só se alimenta dos soños dos lectores da biblioteca. Así que tras o verán quedou miudiño miudiño coma unha uva pasa, encollidiño de todo. De verdade, tanto encolleu que cando no mes de setembro abrimos as ventás para ventilar, ao pouco sae voando. Foi durísimo, porque dende entón Pilar e Cristina e Ana e Emilio e Laura e mais eu non facemos máis que ler e ler e ler e mais ler. E eu, rapaces, necesito un descanso. Así que xa sabedes, é a vosa quenda. A LER!!!


1ª sesión do club 2013-2014 on PhotoPeach

Ata a próxima, poetas.

E xa sabedes. A LER!!!

Alice Munro gaña o premio Nobel de Literatura

Ola poetas:

A escritora canadense Alice Munro gañou o premio Nobel de Literatura 2013. “Mestra do relato curto", según o dictame da Academia sueca, "o seu estilo é claro e dun realismo sicolóxico”. Munro, nacida en Wingham (Ontario) no 1931, é a decimoterceira muller que obtén o galardón máis importante das letras universais e a primeira que se apunta o tanto para o país norteamericano. Coñecida como "a Chéjov de Canadá", a narradora puxo os cementos do realismo moderno literario do seu país. Mundos correntes que tras a súa serenidade esconden tormentas afectivas e sentimentais a punto de desatarse. 

 Munro iniciouse na literatura aos 30 anos, con contos e relatos que vendía para a radio pública canadense. A autora, nai de tres fillas, recoñece a importancia da súa nai e das mulleres que coñeceu na súa vida para construir o seu grande territorio literario. En canto á influencia doutros autores na súa obra,destaca a influencia de Katherine Anne Porter, Flannery O’Connor, Carson McCullers e, sobre todo, Eudora Welty. Así como de James Agee y William Maxwell. 

En España coñecémola hai tempo, xa que as editoriais Lumen e mais RBA veñen publicando os seus libros dende os anos 90. Ademais, Javier Marías concedeulle no ano 2005 o premio Reino de redonda e nomeouna "Duchess of Ontario".

No seguinte vídeo, podedes escoitar as primeiras reaccións da galardonada tras a concesión do premio. Á vez que practicades o voso inglés. (Non me digades que no estou en todo. Jejeje.)


Pero como o máis importante é coñecer aos autores polos seus escritos, abaixo deixo un enlace no que poderedes acceder a un dos relatos desta doce escritora. O relato leva por título "Radicales libres". Moitos de vós seguro que xa sabedes podo título cal será o seu contido; os que non, o que tedes que facer e preguntar aos vosos profesores de ciencias naturais que é eso de "radicais ceibos". Ou miralo na enciclopedia, claro.

Oxalá descubrades a unha nova escritora de cabeceira.

Ler "Radicales libres".

Desfrutade da lectura, poetas.

mércores, 9 de outubro de 2013

A NOSA PRIMEIRA XUNTANZA

Ola rapaces!
Onte pareceume que vides con forza. Quero darvos a benvida a todos nesta nova andaina do noso Club. Principalmente aos de 1º de ESO (Tomás, Ángel, Jorge, Samuel, María, Rodrigo, Antón), pero tamén aos de 2º (Inés, Roberto), 3º (Myriam, Laura, Diego, Daniela), 4º (Mariana, Cecilia, Belén, Candela, Alicia, Alex), 5º (Aurora, Lucía, Aída, Samuel) e 6º (Luis, Álvaro, Carolina, Claudia). Tamén desexo pronta recuperación aos nosos enfermos (Lucía, Candela, Antía, Amanda) e quero despedir con agarimo a aqueles que, logo de seguirnos tres anos, poñen punto e final (polo de agora) á súa participación polos seus ineludibles compromisos co chelo (Andrea), cos estudios en xeral (Elisa, Andrea, Silvia, Irene, María...) e a outros que de seguro me esquezo.
Pero, como non quero poñerme sentimental, paso a relatar a crónica de onte, que, por certo, estivo chea de ledicia. Comimos moi ben. Grazas a Roberto, as mesas estiveron puntuamente preparadas. Grazas a Samuel, Aída e Diego, as pizzas chegaron quentiñas e a tempo. Baratas e variadas. Que máis se pode pedir? 



A sesión foi un pouco atípica, como corresponde a unha sesión inaugural. Por fin desvelouse o segredo fortemente gardado da nosa primeira lectura. Vai ser O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, quen, por certo, virá a falarnos deste libro en exclusiva para nós. Que de que vai esta historia? Pois soamente podo adiantar que trata do último serán da vida de Vincent Van Gogh, o atormentado e gran pintor impresionista. E coñecemos esta historia da man dun rapaz de dezaséis anos, cos seus propios problemas e o seu primeiro amor, pero que sentimos veciño a nós.
Tamén se adiantaron outras lecturas (sempre provisionais), concretamos os respectivos moderadores. Falamos de moitos libros de doutros plans. 



Entre eles quero aproveitar para salientar unha importante novidade. Xa temos data para o comezo da nova sección do noso Club. Aquela que vai adicada especialmente aos adultos: pais, nais, avós, avoas, exalumnos, profes, profes xubilados, personal non docente, etc. É dicir, todos aqueles vencellados ao noso instituto e amantes da lectura. Tedes unha cita o vindeiro martes 29 de outubro as 18,15.



Por hoxe, máis nada. Agardamos pola sesión fotográfica a cargo de Daniel, coma sempre.
Apertas e feliz curso para todos!

domingo, 29 de setembro de 2013

AGORA SI QUE COMEZAMOS


Ola rapaces:

Xa sei que me botabades de menos. A mín e ás nosas sesións do Club de Lectura. Pois estades de sorte. Xa non tedes que agardar demasiado. O vindeiro martes, día 8 de outubro, ás 15,30, daremos o pistoletazo de saída a nova tempada, a que fai o número catro. E por suposto, os que queirades quedar a xantar vémonos ás 14,10 na biblio. 
Así que vos agardo a todos, en especial aos novos -a ver eses pequenos de 1º de ESO con cara de ler moito-, aqueles que teñades interese polas boas historias. 
E unha mensaxe especial para os meus benqueridos veteráns que xa estades en 2º de BAC (Claudia, Andrea, Carolina, Elisa, Borja, Luis, Silvia, Irene, Isabel, María, Christian, Gonzalo). Xa sei que tedes por diante un curso moi esixente. Pero me gustaría pedirvos que cando menos no primeiro trimestre non esquezades a nosa cita co club. Xa son tantos anos convosco que non quero perdervos.
E para todos en xeral, recordade a nosa xuntanza mensual cos libros e con outros lectores, para poñer en común vivencias e opinións. Non vos arrepentiredes.
Estou desexando volver vervos a todos e que me contedes cal foi o voso libro de cabeceira durante as pasadas vacacións.
Apertas:
SOCAS

domingo, 1 de setembro de 2013

A PIQUES DE COMEZAR

Ola de novo, rapaces!
Seguro que xa me botabades de menos. Eu a vós si, dende logo. A miña biblio andaba un pouco amortecida de máis. E non porque os meus colegas de ficción e máis eu non celebraramos as nosas canfurnadas estivais. Senón porque me faltabades vós, os lectores e lectoras. Pero o bo é que xa esta semana comezarei a vervos pouco a pouco por aquí. Cando rematedes os vosos exames, vide visitarme, non si? Tedes que comentarme que estivestes lendo estes meses. Eu xa vos seguirei recomendando boas historias.
Pero, sobre todo, temos que celebrar como se merece a nova deste verán: xa temos o famoso PLAMBE. Que que é iso? Pois en definitiva cartiños para gastar e facer a reforma da miña casa pero ao grande: mesas e cadeiras, máis equipamento, e sobre todo, máis libros, revistas e DVD. E unha programación atractiva e variada para fomentar o pracer de ler. Coas nosas actividades habituais: Club de Lectura, Día do Libro, Cumpren anos... E todas aquelas que se nos ocorran: Club de Lectura de Adultos, Hora de Ler, Boletíns ou Exposicións, por exemplo.
En fin, rapaces, que vos auguro un bo curso, cheo de experiencias lectoras emocionantes. Vémonos
Socas

martes, 25 de xuño de 2013

PRÉSTAMO ESTIVAL

Ola rapaces! 
Mañá viredes por aquí coa emoción de recoller as vosas notas. Contentos uns, algo preocupados outros. Pero todos desexando comezar as merecidas vacacións. Propóñovos que non esquezades meter na vosa maleta de viaxe un bo libro deses que non puidestes rematar durante o curso. Aquí vos deixo algunhas suxestións. Mañá a biblioteca abrirá nun horario especial para que poidades sacar os libros e películas que máis vos gusten, ata tres, que non tedes que devolver ata setembro.




E, se vos parecen poucos, mirade este enlace que contén moitas novidades.


Bo verán cheo de lecturas!

luns, 24 de xuño de 2013

As fotos da última sesión do club de lectura deste curso (con mereeendooolaaaa!!!):

Ola, poetas:

Sei que xa andivo o cativo do Socas trouleando por aquí e que colgou unhas fotos das deliciosas tartas que comemos o martes 18. Se virades como estaba ao día seguinte. Teño entendido que Pilar e Cris e Ana foron  mercar uns pantalóns novos, porque os seus non lle pechaban. Ai, como é!

En fin, eu aparezo por aquí antes de marchar de vacacións para deixarvos una breve presentación da sesión de El libro de los portales de Laura Gallego. Cecilia e Raquel, de 3º de ESO, fixeron unha presentación moi amena e ben traballada, sobre todo no que se refire ao análise das personaxes (que xa sabedes todos que tanto me gusta). A continuación, fixemos unha boa merendola coas tortas e todos e os biscoitos que trouxestes. 

El libro de los portales con merendola. on PhotoPeach

Quen tamén estivo con nós foi Pablo, de 1º de Bacharelato, que nos deixou a todos abraiados co seu dominio do piano. Para que vexades -e escoitedes- déixovos un exemplo.


Espero que todos disfrutarades das sesións do noso club de lectura tanto coma min. Foi un auténtico placer amosarvos as miñas opinións e discutir de cando en vez sobre os universos que crean outros para que nós lles deamos vida. Estou desexando que nos volvamos a ver tras o descanso estival e nos contemos todo o que limos durante as vacacións. Socas xa me ten preparada unha morea de bos libros que levar á praia. Falade con el e veredes como os ha recomendar unhas cantas lecturas que non esqueceredes.

Que teñades o primeiro mellor verán das vosas vidas.

xoves, 20 de xuño de 2013

VIDEO SOBRE A EXCURSIÓN A SOBRADO DOS MONXES E SANTIAGO

Raquel Nogueira quere compartir con todos nos este precioso vídeo sobre aquela viaxe da que falamos. Xa os botan de menos alí.

martes, 18 de xuño de 2013

A NOSA III EDICIÓN DA FESTA DAS TARTAS LITERARIAS

Ola rapaces!
Con que ledicia fago hoxe a crónica da nosa Festa das Tartas! Se me descoido case non me deixades probar ningunha. E iso que había de todo e todo cunha boa pinta! Pero cando marchastes puiden aproveitar e catar un pouco de todo: a de limón coas letriñas, a dos libros de regaliz, a de chocolate e nata, o libro forrado de pel, a de Jane Austen, as bolachas, os monstruos das bolachas, a do libro dos portais ... e tantas outras. Como era de esperar, a nosa derradeira sesión foi especial por todo: pola música de Pablo Fraguela, pola visita do grupo de "cumpreaneiros" se me permitides a expresión, Por suposto, Raquel e Cecilia deron a talla coa súa presentación do libro de Laura Gallego, que segue a provocar grandes amores e grandes odios entre nós. E os que non puidestes lelo, agora que remataron os exames, tedes a vosa oportunidade.


o
Nota: Emilio, sinto que non puideras vir, ainda que algún bo samaritano acordouse de levarte un pouquiño de tarta.