martes, 1 de marzo de 2016

ESTABAMOS ESPERANDO...

Estabamos esperando a ter todo o material, as fotos, o vídeo, a unidade didáctica sobre a poesía... Pero xa non podemos esperar máis. O tempo pasa, e é moita hora de contarvos -aínda que sexa brevemente- o que aconteceu o día 15 de febreiro no Concepción Arenal. Vid. entrada anterior: "Temos unha cita o día 15".

Fomos moi ben recibidos, a verdade. Todo estaba marabillosamente organizado (Ana Vizoso á fronte)  e decorado (carteis dos alumnos de Artes). E recitaron, claro que recitaron. Se xa o dicía o mestre: "A poesía é o gran milagre do mundo".

Pasémoslle a palabra aos do Masculino, que recolleron o evento no seu blog:



Se ata La Voz de Galicia deu conta da noticia…



Continuará...

sábado, 20 de febreiro de 2016

UMBERTO ECO

EL PAÍS, El Mundo, ABC, La Voz de Galicia.



5-1-1932 / 19-2-2016
"Fai frío no scriptorium, dóeme o polgar. Deixo este texto, non sei para quen, este texto, que xa non sei de que fala: stat rosa pristina nomine, nomina nuda tenemus". Adso de Melk, final de O nome da rosa (Umberto Eco).
"Ensinanza: hai ideas obsesivas, pero nunca son persoais, os libros falan entre si, e unha verdadeira pesquisa policíaca debe probar que os culpables somos nós". Umberto Eco, final das Apostilas a O nome da rosa.

martes, 16 de febreiro de 2016

SESIÓN CLUB DE LECTURA, 16 F: O CAN DOS BASKERVILLE

Cynthia, Clara e Sabela ocupáronse de introducir a lectura. A súa presentación (vid. enlace) deu lugar a un interesante coloquio no que se trataron diferentes aspectos, uns deles relacionados co formato da presentación (boa elección, PowToon) e outros coa lectura en si mesma.


A ambientación, os páramos, as zonas pantanosas, cans "fantasmagóricos" (o punto gótico), o papel de Watson, o xénero (diferenza entre novela de enigma, novela negra...) e o método de Sherlock Holmes foron aspectos tratados nesta sesión. A lóxica, a análise de datos concretos, a dedución (como chega Sherlock á conclusión), foi o que máis interesou a varios membros do club. Mencionáronse outras obras que encontran explicación racional a fenómenos aparentemente paranormais (a relación de Sherlock co Auguste Dupin de Poe, O castelo dos Cárpatos, recomendado por Emilio), a proxección de Sherlock Holmes na cultura contemporánea (desde Scooby Doo ata a tecnoloxización extrema en produtos como CSI). Son estas opinións dos membros do club que aquí, unicamente, recollemos. E, unha vez máis, Sabela veu acompañada dunha das súas "Joyas literarias juveniles" (xa sabedes, adaptacións de clásicos a banda deseñada), neste caso, da obra que ocupou a sesión de hoxe.

Lectura totalmente recomendada. Gustounos a todos.

E pasamos xa á próxima lectura, unha novela do ano 2008: O curioso incidente do can á media noite de Mark Haddon. Elemental, querido Watson. Seguimos co misterio. Aínda máis: seguimos con Sherlock. Esta novela parece ser un homenaxe a "Lucero de Plata", o relato curto publicado no 1892 por Conan Doyle, relato que algúns de vós estades a ler para a materia de Lingua Castelá e Literatura.


xoves, 11 de febreiro de 2016

XUNTOS DE NOVO: TEMOS UNHA CITA O DÍA 15

Érase unha vez...

Érase unha vez un Instituto de Ferrol. Nos anos 50 do século pasado alí estudaban -xuntos- os rapaces e rapazas da comarca. Alguén, hai xa moitos anos, alá polo 1963, decidiu separalos: os rapaces a un lado, as rapazas a outro. Eles quedaron nese instituto, que pasou a coñecerse como o Masculino; elas foron apartadas, dando orixe ao Feminino, actual IES Sofía Casanova. 

Unha "tráxica separación" que, de seguro, conlevaría algún que outro "corazón roto". Pois ben, agora, máis de 50 anos despois, chegou o momento de volver. E que mellor forma de facelo que cantando ao amor?

https://www.youtube.com/watch?v=atMSLD9YIkU
Encontro dos clubs de lectura do Concepción Arenal e do Sofía Casanova
Pois niso estamos. Invitados polo Club de Lectura do Masculino, organizador desta actividade, o Sofía regresará á súa orixe o día 15. Estaremos xuntos de novo, como hai máis de 50 anos, para recitar poemas. Xa tivemos un encontro no Sofía; podedes velo neste pequeno álbum de fotos.

A poesía todo o pode conseguir. Xa o dicía Pimentel: 

"A  poesía é o gran milagre do mundo". 

Escolma de poemas. Escolma elaborada co Equipo de Dinamización Lingüística do Sofía. Con ela contribuiremos ao traballo que están facendo desde o Club de Lectura do Concepción Arenal
https://es.calameo.com/read/002420622948c9b1c4e5f

Recitaremos recordando a aqueles rapaces e rapazas que hoxe terán 70 anos. Dicía Cabanillas (ano 1927) no prólogo do seu poemario A rosa de cen follas, Breviario dun amor:

"É unha mociña en flor que nun balcón de peitoril abombado, feito camarín por unha roseira, na soidade da noite, bicada por un raio de lúa, está lendo un libriño de amor e dolor. Alguén deixou ao pé do debuxo, tremendo como dúas bágoas, estas dúas liñasMais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas... 

Por se aínda queda algún balcón florido...! 
Por se a mociña de entón ten unha neta...!"
Quedará aínda algún balcón florido? Haberá entre vós algunha neta (ou neto) daqueles rapaces e rapazas de 1963? Se "A poesía é o gran milagre do mundo" podemos volver atrás, para recordar; aínda que pasaran tantos anos, estamos a tempo de facer que se reencontren -no recordo- aqueles corazóns separados no 1963.

Graciñas aos membros do club de lectura do Masculino, por organizalo todo para que poidamos... Volver (Estrella Morente) / Volver (Carlos Gardel).

venres, 5 de febreiro de 2016

DOCENCIA DE CARLOS L. ARDAO

Onte, 4 de febreiro, estivo connosco Carlos López Ardao para contarnos as novidades no mundo do libro dixital. As ferramentas para a creación de contidos (a plataforma E-DIXGAL), as ferramentas xenéricas: Ardora, Exe, Edilim), as ferramentas na nube e os distintos formatos (ePub3, SCORM...)  e outros aspectos que foron saíndo no coloquio formaron parte da súa exposición. Como hai dous anos, foi un pracer e un luxo recibilo na Biblioteca do Sofía e aprender del. Quédanos agora unha longa aprendizaxe para poder trasladarvos estas novidades a vós, os alumnos do IES Sofía Casanova. 

venres, 29 de xaneiro de 2016

30 XANEIRO: DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Entra -a través da imaxe- na achega dos alumnos de 2º ESO de Relixión, coordinados pola súa profesora, Vily.



A continuación tedes a contribución 
Traballando....

Inés, Laura, Lucía Toval e Lucía Hermida
dalgunhas alumnas de 1º ESO A, que buscaron a letra para encher de contido o mandala colaborativo: CITA(S) COA PAZ.



Tamén os alumnos de 1º ESO A contribuíron -esta vez con frases ideadas por eles- a promocionar a semana da froita. 

Pero esa é outra historia, e outro día a contaremos.

martes, 19 de xaneiro de 2016

SESIÓN 19 XANEIRO: UN CADÁVER NA BIBLIOTECA

Seguimos na liña de misterio. Hoxe, 19 de marzo, Un cadáver na biblioteca de Agatha Christie, obra presentada por Diego Pereda. Non deixedes de ver a súa presentación:





Houbo opinións diversas no debate posterior;  a algúns pareceulles excesivo o elemento descritivo, a outros que o ritmo era lento, houbo quen considerou que o personaxe de Pamela Reeves (o outro cadáver) non estaba suficientemente perfilado… Pola contra, os devotos de miss Marple defendemos esta novela.  E xuntos recordamos a sesión de Dez negriños, deste mesmo club.  

A continuación, seguindo coa liña de misterio, Diego recomendou (xa para lectores avanzados) o libro que acaba de rematar: O nome da rosa.  Comentouse logo a proposta de celebrar San Valentín co Instituto Concepción Arenal lendo poemas de amor. E a sorpresa do día: Sabela López Quintanilla, membro do club, obtivo un accésit no II Certame Literario Carmela Loureiro, na categoría de microrrelatos. Parabéns a Sabela e á súa profesora, Inés, que animou ao grupo a presentarse ao certame.

Para rematar, un xurado de 5 persoas (profesores e alumnos) elixiu por unanimidade como gañador do concurso de carteis anunciadores da sesión de hoxe o cartel elaborado por Lucía Toval, de 1º ESO A. Mágoa que non se poida apreciar a textura deste cartel en dixital… O premio consistiu nun exemplar de Lourenço, xograr.

Pilar Berrio e Lucía Toval

E o próximo libro do club estará protagonizado por un personaxe inmortal que cumpre anos neste 2016. Concretamente, 125 anos. Unha idade máis que respectable...



Elemental, querido Watson. 


venres, 15 de xaneiro de 2016

UN CADÁVER NA BIBLIOTECA O MARTES, 19 X

O caso será investigado polo noso club de lectura.


Un Perigo inminente axexaba a Traxedia en tres actos que se ía representar esa mesma tarde, ás 19.00 h. Tras o Pano (Telón), naquel escenario decorado cunha mesa, un espello e Un triste ciprés, maquinábase algo entre os actores que ensaiaban a obra Dez negriños. Todos tiñan medo de ser asasinados pola banda dos Cinco porquiños. Aínda recordaban o que ocorreu Despois do funeral, aqueles berridos dunha nena á que ninguén viu. Non se soubo nada da banda dos cinco porquiños en moito tempo: o crime considerouse Un crime durmido. Aquela banda, formada por un grupo de cinco homes sen piedade, asasinos que non deixaban rastro, actuaba sempre no nadal provocando ano tras ano unhas Navidades tráxicas. Ninguén lles viu nunca a cara, sempre a levaban tapada por aquelas terroríficas máscaras de porquiño...

Os actores estaban aterrados. Oíran que a banda dos cinco porquiños deixara Un cadáver na biblioteca municipal cunha nota que dicía: ”Matar é fácil. Imos acabar con todos os actores que se aloxen No hotel Bertram ás 19.00”. E iso era grave: eran actores, vivían nese hotel e tiñan que actuar ás sete da tarde. Sen dúbida, ían ter unha Cita coa morte. Nisto, decatáronse de que había unhas Cartas sobre a mesa co seu nome; todos colleron a súa carta, abrírona e en todas poñía o mesmo, “Vas morrer baixo Un triste ciprés”.


No escenario, O espello rachou de lado a lado. Os reloxos deron a Hora cero. Os actores están pálidos:  Anúnciase un asasinato, o seu asasinato.


Texto de Joel Rodríguez Fernández (1º ESO A).





xoves, 14 de xaneiro de 2016

domingo, 10 de xaneiro de 2016

A BIBLIOTECA DO SOFÍA NA REVISTA EDUGA

No nº 70 (xullo-decembro de 2015) da Revista Galega do Ensino (EDUGA) aparece o seguinte artigo: 



Aí, co título "Experiencias alfin na biblioteca do IES Sofía Casanova" figuran unha serie de experiencias de aula ligadas á biblioteca nas que os alumnos fostes os grandes protagonistas. Seguro que moitos de vós as recordades, son as vosas experiencias:

"Rudyard Kipling", experiencia coordinada por Juana Brañas e María Lanza (indicamos a continuación o nome de cada experiencia e o do profesor coordinador da mesma). "Teresa de Ávila": M.ª José Vilaboy. Vento mareiro
: Ana Seco. "Fernando Esquío, ruta medieval": Ana Seco. "Marcos Calveiro": Ana Seco. "Xavier Alcalá": Ana Seco; ruta A nosa cinza: Laura Suárez. "As tres Grazas": María Lanza. "As Meninas": María Lanza (ReciclArte); Emilio Saldaña, Ana Seco (LiteraturizArte). "As Venus": María Lanza. "Antoloxías dixitalizadas": Juana Brañas. "Banda deseñada": Juana Brañas. "Lendas": Laura Suárez. "Marcapáxinas": María Lanza. "CientificaMente": Ana Seco. "Rutas My Maps": María Lanza, Ana Seco, Laura Suárez.

Recoñecedes os vosos traballos? Son os que aparecen neste mesmo blog, na pestana "Experiencias 2014-2015":

 Xa sabedes que os alumnos estades aí, en cada unha das experiencias: sería imposible facer todo isto sen vós e así o facemos saber no citado artigo de EDUGA. Comprobádeo.

xoves, 17 de decembro de 2015

PARA TI, NESTE 2016...

Na Biblioteca do Sofía, á túa man...  
Unha manchea de libros. Entra a través da imaxe.



Abre a caixa: Podes pedir todo o que contén na Biblioteca.


mércores, 16 de decembro de 2015

SESIÓN 15D, CLUB DE LECTURA: SETE CAVEIRAS

O libro da autora de Dragal, Elena Gallego, foi presentado onte por Lucía e María:
Entra na presentación a través da imaxe

Distintas opinións, especialmente no referente ao final do libro. 

Paula, a profesora de Bioloxía, recomendou un libro que está na Biblioteca, La puerta de los tres cerrojos, de Sonia Fernández Vidal, autora de Quantic love, especialmente para aqueles afeccionados á Física. E como pedimos máis, máis literatura con toques científicos, Paula recomendou Un mundo feliz, La Fundación e Yo, Robot. É unha materia que temos pendente: un "Itinerario lector literatura científica", despois do "Itinerario cómic" (2014-15) e o "Itinerario misterio" co que estamos neste 2015-16. 

Diego tróuxonos El nombre de la rosa e máis banda deseñada: Simon's cat. Por certo, parece que ten sucesora no mundo do cómic; Sabela veu á biblioteca con clásicos en BD: El mago de Oz (Marvel), as "Joyas de la literatura juvenil" (Conan Doyle, Moby Dick, Los viajes de Gulliver, Alicia...). E Gárgolas: o viaxeiro.

Ben. Procesaremos toda esta información. Que vos parece se abrimos un Pinterest con "Recomendacións do club de lectura xuvenil"? Porque é unha pena perder tantas lecturas que podemos compartir. Pero é cousa vosa, queridos alumnos...

Ata a próxima. Non o dubidedes, haberá Un cadáver na Biblioteca. 


martes, 8 de decembro de 2015

NA REDE...

Xa temos na Biblioteca do Sofía:

XAVIER ALCALÁ NA CANLE YOUTUBE DA BIBLIOTECA


Recordades a visita de Xavier Alcalá ao noso Centro? Tedes a información neste enlace. Agora queremos comunicar que xa están na canle YouTube da Biblioteca do Sofía a entrevista ("Irene Alcalá entrevista a Xavier Alcalá") e a conferencia ("Ler na era dixital"). 

En breve poderedes ler na Biblioteca unha serie de libros doados polo autor, libros que el considera imprescindibles na formación dun lector: constituirán a "Biblioteca Xavier Alcalá".

Por suposto, todo en xavieralcalanosofia.

venres, 27 de novembro de 2015

ESTAMOS TRISTES


Hai noticias que oxalá non houbese que dar.


Vivirás nos teus libros. Ata sempre, Neira. 

"Volvo de novo a mirada cara a ventá, nesta mañá triste de outono, para observar, quizais por última vez, como Pepe camiña pousadamente cara ao horizonte mentres porta na man dereita a maleta que sempre tivo disposta para a partida”. Valentín García Gómez, "A maleta de Xosé Neira Vilas", La Voz de Galicia, 28-11-2015.

Só pasou un día e temos que lembrar a outro dos "bos e xenerosos", alguén ben coñecido en Ferrol: Chao Rego, finado en Santiago o 28 de novembro. "
"Ao norte da cidade de Ferrol, nun outeiro desde o que se ve case toda a ría -e que no século XVIII chamara moito a atención, pola súa beleza, do padre Sarmiento, hai unha minúscula capela que aínda conserva a súa fachada medieval, cunha pequena crus labrada na pedra. E á súa beira hai outra igrexa máis, unha igrexa nova, hoxe tristemente sen culto polo mal estado dos seus muros, que se comezou a construír nos anos cincuenta do pasado século, e que, a pesar do cruel que foi con ela o paso do tempo, tamén ten un lugar de honra na historia de Galicia, porque en momentos nos que se agardaba desesperadamente por unha liberdade que non daba chegado nunca, nela atoparon refuxio moitos dos perseguidos polo franquismo. Son as igrexas de Santa Mariña do Vilar. Para a memoria dun país enteiro, as igrexas de Pepe Chao, de Xosé Chao Rego". Ramón Loureiro, La Voz de Galicia, 29-11-2015.