luns, 2 de febreiro de 2026

O CLUB DE DEBATE DEBUTA NO TORNEO DE DEBATE ACADÉMICO

Boas, rapazada!

Tras meses de traballo, busca de argumentos, evidencias e refutacións, a pasada semana os nosos equipos do Club de Debate debutaron con moita ilusión no Torneo de Debate Académico de Galicia (TDAG) da Fundación Barrié, na Coruña.

Nos días previos, as comidas no anexo da biblioteca mesturáronse cos ensaios dos discursos, as postas en escena, as preguntas sorpresa, os exordios e as improvisacións.


O xoves 29 collemos rumbo á Coruña para batermos en duelo dialéctico contra equipos de gran percorrido no mundo do debate, dos que aprendemos moito, tanto no fondo como na forma.


Por unha banda, Miguel e Lucas (2.º ESO), xunto con Lois, Inés, Eyden, Anxo e Mar (3.º ESO), tiveron que discutir se os deberes eran necesarios para unha mellor aprendizaxe. Por outra, Antón, Martín e María (4.º ESO), con Yunaisi, Noa, Isabel e Hugo (1.º Bac), debateron sobre se os seres humanos somos bos por natureza ou non.

Ambos os dous temas deron lugar a razoamentos moi ben fundamentados e a intercambios de ideas que nos removeron por dentro e nos deixaron con máis dúbidas das que levabamos.


E vós, que pensades? É mellor aprender con ou sen deberes? A bondade nace connosco ou é algo aprendido? Contádenos nos comentarios!

Para rematar, queremos darlles a noraboa a todas as integrantes do club polo seu entusiasmo, a súa implicación e o seu interese pola arte de falar en público. Moitas grazas e a seguir debatendo!

Próxima parada: Parlamento Xove!

Ningún comentario:

Publicar un comentario